Friday 17 de May de 2024

Dous voluntarios poñen a disposición do concello case corenta máscaras fabricadas con impresoras 3d para prevenir O COVID-19


Dous voluntarios do noso municipio, Geni Lago e Alba Sieira, veñen de poñer a disposición do Concello de Ribeira preto de corenta máscaras fabricadas por eles con impresoras 3D coa fin de aportar o seu grao de area á loita contra co coronavirus.

Así se dou conta na sesión de hoxe da Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19 que cada día ten lugar no salón de plenos do consistorio local. A última das partidas entregadas vén de ter lugar agora, cun total de 17, mentres que a principios de semana tivo lugar outra con outros 20 destes elementos, nunha acción que contou coa colaboración tamén do Concello da Pobra que doou parte do material empregado na confección.

Por outra parte, dende a Comisión tamén se destacou a contribución do club Motoclub Os Reventapistóns pola doazón de material sanitario, previa colecta entre os seus socios; de Carnicería Juana por contribuír con produtos de alimentación; de Construccións AMC, que tamén cedeu material sanitario; e de Loida Fernández “Troskita” pola súa activa campaña de felicitación a través de Internet.

Así mesmo, douse conta do reparto hoxe de alimentos mercados polo Concello en Cash Galicia con destino a Cáritas Parroquial e acordouse próximas entregas de mascarillas a Gadis Hiper e de desinfectante ao 061.

Santa Isabel
Por último, cómpre salientar que se informou dunha nova acción divulgativa pensando xa no próximo centenario do afundimento do vapor Santa Isabel na illa de Sálvora (será o 2 de xaneiro do ano que vén). Trátase da elaboración por parte da Sala Museo Municipal de Ribeira de catro pequenos vídeos centrados nesta traxedia coa fin de compartilos tanto nas redes sociais como na programación municipal en Canal Barbanza.

Os vídeos combinan imaxes de época con outras relativas aos fondos que relacionados co naufraxio garda o museo municipal. O primeiro versa sobre o afundimento do vapor, o segundo sobre as Heroínas de Sálvora, o terceiro sobre Luis Cebreiro e o cuarto sobre o libro recompilatorio que este oficial realizou e foi cedido pola familia ao noso museo no 2018.

A intención é comezar a difundir os contidos esta fin de semana.